As praias de Sanxenxo ofrecerán actividades deportivas para escolares
Por Oskar Viéitez
A Concellería de Deportes, Turismo, Festas e Xuventude abrirá o próximo día 1 de xuño o prazo de presentación de solicitudes para participar na décimo cuarta edición do campus polideportivo "Vive o deporte".
Esta iniciativa está dirixida a alumnos de 1º curso de Educación Primaria a 4º de ESO, quen terá a oportunidade de practicar ata nove modalidades deportivas englobadas nas áreas de medio acuático, como salvamento deportivo, piragüismo e natación; actividades no medio natural; e deporte na praia como fútbol, balonmán, xogos, rugby e voley.
O campus desenvolverase en tres quendas que irán do 1 ao 14 e do 15 ao 29 xullo, así como do 1 ao 12 de agosto, de luns a venres en horario de 10.00 a 13.00 horas, na contorna da praia de Baltar e os seus arredores, que engloban zonas arborizadas, contando con 60 prazas en cada quincena.
Do mesmo xeito que nas anteriores edicións, a matrícula terá unha cota de 30 euros por quincena para aqueles nenos e nenas empadroados no municipio, aínda que a administración local aplicará descontos do 100% en caso de familia numerosa especial, do 50% para aqueles que acrediten ser familia numerosa.
LÚDOTECA NA RÚA
Ademais, Ludoteca na rúa, un programa de actividades lúdicas de verán coordinado pola Concellería de Cultura, abrirá o mércores día 1 o seu prazo de inscrición. Trátase dunha actividade dirixida a nenos de 3 a 12 anos, que levará a cabo este verán en cada unha das parroquias do municipio en horario de 9 a 14:30 horas de luns a xoves e o venres de 9 a 12 horas.