Piden axuda para buscar fogar a catro gatos aos que deixaron abandonados dentro unha bolsa en Caldas
Por Redacción
A agrupación de Protección Civil de Caldas de Reis solicita a axuda da cidadanía para atopar un novo fogar para catro crías de gato duns dous meses que apareceron abandonadas nunha bolsa no centro da localidade este venres.
Segundo informou o xefe da agrupación, José Sieiro, un cidadán de Caldas deu a alerta sobre as 20.30 horas da presenza dunha bolsa de plástico con catro gatos dentro, vivos e maullando. Estaban nun camiño paralelo á rúa Ferrería, á altura do número 32.
Tras recibir a alerta cidadá, Proteccion Civil comunicou a situación á Policia Local de Caldas e ao Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia e, ao mesmo tempo, os voluntarios recolleron os animais e trasladáronos á súa sede, no edificio consistorial.
Os gatos están en bo estado e xa comen, pero necesitan un fogar para evitar o seu traslado a algunha protectora de animais. As persoas interesadas poden contactar co equipo de Protección Civil no número de teléfono 609556549.
Respecto diso, desde Protección Civil lembran que a colaboración veciñal permite xerar solucións óptimas neste tipo de situacións, e outras similares.