Interceptan un condutor en Pontevedra incorporándose á autoestrada coas rodas picadas
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Unha dotación do Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra interceptou este xoves en Poio a un condutor cando pretendía incorporarse á autoestrada AP-9, coas rodas do coche picadas.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, os feitos sucederon ás 14:00 horas no acceso á AP-9, sentido Vigo, á altura da rotonda do parque de Bombeiros, próximo á Comandancia da Garda Civil. Unha patrulla do Destacamento de Tráfico de Pontevedra, que regresaba de servizo, decatouse de que un vehículo, que estaba a acceder á autoestrada, circulaba dunha forma moi estraña e con moitas dificultades para avanzar na marcha.
O condutor, de 62 anos, veciño de Poio, mostrábase totalmente desorientado
Ao interceptar o turismo comprobaron que tiña as rodas picadas e levaba a defensa dianteira totalmente descolgada e rozando o pavimento. Ao mesmo tempo, decatáronse de que o condutor, de 62 anos, veciño de Poio, mostrábase totalmente desorientado e non era consciente nin das dificultades que tiña para circular co vehículo nesas condicións e moito menos da gravidade da situación que podía xerar se consegue incorporarse á autoestrada.
Prestou declaración esta mañá ante os axentes da Policía Local. Estaba influenciado pola medicación e solicitouse unha revisión urxente á Dirección Xeral de Tráfico das facultades psicotécnicas e psicofísicas do condutor para unha posible retirada do permiso de conducir por perda de facultades.
Para solucionar o incidente foi necesario o servizo dun guindastre que retirou o vehículo da vía e o apoio dunha ambulancia que se fixo cargo do condutor.
Posteriormente púidose saber que, momentos antes, esta persoa non se decatara de que golpeara un coche que estaba estacionado na Porteliña e continuou a marcha, cunha velocidade moi moderada, en dirección a Pontevedra, sen ser consciente nin do estado do vehículo, nin ser capaz de interpretar os sinais de aviso que lle daban os demais usuarios, ata que foi interceptado pola Garda Civil de Tráfico cando continuaba camiño da rotonda do Parque de Bombeiros, onde se atopa a Comandancia.
Segundo a Policía Local de Poio, o vehículo golpeou durante o traxecto dous vehículos estacionados correctamente na avenida de Porteliña e outro máis na avenida da Barca, levándose por diante un sinal de ceda o paso, situada na rotonda da Barca con Domingo Fontán. O incidente desenvolvíase nunha hora onde un importante número de pais agardaban o autobús escolar na parada desa rotonda.
É moi importante alertar a través do número de teléfono 112 ou o 062 cando nos atopemos un caso similar
A Policía Local de Poio solicita colaboración por se existen máis vehículos implicados. Os propietarios, que sufriran danos nos seus turismos, deberán comunicalo á Policía Local deste municipio ou ao número 698.575.495.
Desde o Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra quérese resaltar que é moi importante alertar a través do número de teléfono 112 ou o 062 cando atopemos un caso similar ao anterior, e ás persoas que se atopen neste tipo de situacións, lembrarlles que o que deben facer é deter o seu vehículo no lugar menos perigoso para a circulación e poñelo inmediatamente en coñecemento dos teléfonos anteriores para proceder ao seu auxilio en evitación de calquera accidente.