O parque de Barcelos disporá dun carrusel para nenos en cadeira de rodas
Por Oskar Viéitez
Atendendo a unha petición cidadá avalada por miles de sinaturas a Concellaría de Parques e Xardíns, que xestiona o concelleiro Alberto Oubiña, comezou esta semana a substitución dun elemento inclusivo do parque infantil de Barcelos, o máis concorrido da cidade, para substituílo por outro distinto, pero tamén pensado para nenos con discapacidades.
Retírase unha estrutura de xogo na que podían acceder as cadeiras de rodas a través dunha rampla, e substitúese por un carrusel instalado ao nivel do chan de tal xeito que os nenos con cadeiras de rodas poden subirse sen problema.
Arredor do carrusel, haberá paneis que se poderán tocar con distintas texturas.
A Concellaría decidiu a retirada do anterior xogo xa que estaba deteriorado e optou por cambialo por outro distinto para dar variedade á área.
Os traballos comezaron esta semana e concluirán na que vén, xa que é preciso retirar o actual elemento e acondicionar o chan para instalar o novo.
O custe deste novo xogo é de 28.825,83 euros.