Estes obxectos buscan dono e a Policía Nacional pide colaboración para atopalo
Por Natalia Puga
Teléfonos móbiles, computadores, caixas de ferramentas e trades, cartóns SD e pendrives, equipos de música, videoconsolas, unha guitarra, chaves de todo tipo, unha bicicleta, un televisor... a lista de obxectos é longa e todos eles teñen algo en común: están expostos na Comisaría da Policía Nacional tras ser intervidos a cinco mozos detidos por roubo e buscan dono.
A Policía Nacional pide a colaboración cidadá para difundir as imaxes que acompañan esta información co obxectivo de que os propietarios dos obxectos e chaves que figuran nelas poidan recuperalas. Se alguén recoñece algún como seu, tan só ten que dirixirse á Comisaría da rúa Joaquín Costa de Pontevedra e alí poderá recollelo. Deberá acreditar que é o propietario, por suposto.
Os obxectos están na Comisaría xa desde este luns tras ser intervidos a cinco mozos pontevedreses de entre 19 e 27 anos que agora xa están en prisión provisional como presuntos autores de polo menos 45 roubos con forza en comercios e locais de hostalería de Pontevedra, Redondela, Vilaboa, Moaña ou Soutomaior. Nos primeiros días, algunhas persoas xa se pasaron a recuperalos, pero aínda hai moitos pendentes de identificar.
Segundo explicaron desde a Policía Nacional, recuperáronse, xunto a 1.600 euros en metálico, nos cinco rexistros realizados nos domicilios dos cinco detidos. Os cinco están considerados os responsables da onda de roubos en comercios e bares da cidade rexistrada nos últimos meses e doutros delitos cometidos en zonas limítrofes desde o pasado mes de novembro.
Relacionadas:
-
Dez persoas sentarán no banco pola vaga de 51 roubos en bares e comercios de Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Un menor, detido por roubar unha bicicleta de 700 euros
Por Redacción |
-
Recoñeces estas chaves ou ferramentas? Están na Comisaría á espera do seu dono
Por Redacción |
-
Prisión para os cinco integrantes dun grupo criminal polos roubos en comercios dos últimos meses
Por Natalia Puga |