Prisión para os cinco integrantes dun grupo criminal ao que atribúen os roubos en comercios dos últimos meses
Por Natalia Puga
O Xulgado de de Instrución número 2 de Pontevedra enviou a prisión a cinco pontevedreses de entre 19 e 27 anos que presuntamente integran un grupo criminal ao que atribúen a onda de roubos en comercios e bares da cidade rexistrada nos últimos meses. Atribúenselle un total de 45 roubos con forza en establecementos comerciais e de hostalería da cidade do Lérez e zonas limítrofes.
Os cinco foron detidos esta semana pola Policía Nacional como resultado dunha investigación iniciada no mes de novembro de 2016 ao observarse un gran incremento de roubos con forza en locais comerciais. Tras pasar a disposición xudicial ao longo da mañá deste martes, decretouse o seu ingreso en prisión.
Os cinco detidos son veciños da cidade e teñen antecedentes policiais. Coa súa detención e os rexistros realizados en seis domicilios, a Policía Nacional recuperou unha serie de obxectos que presuntamente foron subtraídos nos distintos roubos, de modo que desde a Comisaría Provincial solicítase a colaboración cidadá para localizar aos lexítimos propietarios dos mesmos, así como os das chaves localizadas.
Os roubos que se lle atribúen producíanse case a diario e nalgunhas ocasións varios roubos o mesmo día e en diferentes lugares, desde establecementos a domicilios, trasteiros, naves industriais e vehículos. Chegaron a causar gran preocupación entre os hostaleiros e comerciantes da cidade e zonas limítrofes como Redondela, Arcade, Moaña e Vilaboa.
A Policía Nacional estableceu un dispositivo de vixilancia e seguimento para tratar de determinar a autoría dos roubos concluíndo que se trataba dun grupo criminal. Na maioría dos casos subtraían diñeiro, pero tamén obxectos que posteriormente vendían e cuxas ganancias se repartían entre eles. Tal e como avanzara PontevedraViva, buscábase un grupo de mozos aos que finalmente detiveron.
Segundo puido establecer a Policía Nacional, na maioría dos casos traballaban xuntos ou en diferentes combinacións entre os cinco para levar a cabo feitos delituosos planeados e en todos os casos un deles era o encargado de darlle saída aos obxectos subtraídos.
Os cinco foron detidos este luns por axentes da Policía Nacional da Brigada Provincial de Policía Xudicial, que realizaron con permiso xudicial rexistros nos domicilios dos cinco detidos. Alí localizaron varios teléfonos móbiles, computadores, varias caixas de ferramentas e trades, cartóns SD e pendrives e 1.600 euros en metálico.
Relacionadas:
-
Dez persoas sentarán no banco pola vaga de 51 roubos en bares e comercios de Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Recoñeces estas chaves ou ferramentas? Están na Comisaría á espera do seu dono
Por Redacción |
-
Estes obxectos buscan dono e a Policía Nacional pide colaboración para atopalo
Por Natalia Puga |
-
Unha 'pandilla' de mozos, o pesadelo de bares e comercios do centro de Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Rouban na cafetería La Fábrica dentro da vaga de saqueos a locais da cidade
Por Redacción |
-
Os comerciantes piden axuda á Policía Nacional ante o repunte de roubos en locais
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Despregue policial para dar seguridade a comercios en Nadal
Por Redacción |