O BNG renova as súas estruturas en Caldas e Vilagarcía
Por Redacción
Alicia Aboy e Germán Torres son os novos responsables do BNG en Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa, respectivamente. Ambos foron elixidos nos últimos días polos seus órganos de dirección local, segundo informa o partido nacionalista.
Nunha concorrida asemblea, a militancia do BNG de Caldas elixiu por unanimidade a proposta de renovación de Alicia Aboy como responsable local e Manuel Fariña como vicerresponsable.
Alicia Aboy é mestra de educación infantil, mestra substituta na rede de escolas infantís da Galiña Azul e opositora. Na asemblea, Iñaki Fernández, voceiro do BNG e anterior responsable local, destacou a gran capacidade de liderado e traballo de Alicia, así como a súa confianza en que é a persoa axeitada para continuar a construír una agrupación forte e cohesionada.
Pola súa banda, a nova responsable local salientou que "estamos a vivir un tempo novo no BNG e queremos camiñar para que sexa tamén un tempo novo para Caldas, polo que traballaremos arreo para que as veciñas e veciños teñan un proxecto político serio e rigoroso no que confiar e co que acadar un concello mellor e máis xusto".
A candidatura encabezada por Germán Torres tamén foi a única que se presentou para liderar o BNG en Vilagarcía
Mestre de profesión e persoa activa en distintos colectivos culturais e sociais, Torres contará Adrián Alcalde será como vicerresponsable.
Na súa intervención diante da asemblea, o novo responsable local marcou como obxectivo central do novo consello local para os vindeiros anos "traballar coas asociacións e colectivos sociais para dar resposta aos problemas da cidadanía, e así mellorar a calidade de vida de veciños e veciñas".
Torres tamén destacou a importancia de preparar as próximas eleccións municipais para definir unha alternativa de goberno, e destacou o traballo realizado pola súa predecesora, María Cancela.
Outro dos obxectivos do BNG nesta etapa será incrementar o traballo no ámbito xuvenil, e atraer á actividade política a mozos e mozas que acheguen á organización ideas, traballo e ilusión.