Campo Lameiro e Moraña incluídos, por primeira vez, no plan de cofinanciamento de servizos comunitarios básicos
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este venres as primeiras achegas do plan de cofinanciamento de servizos comunitarios básicos deste 2017, que por primeira vez abranguerá á totalidade dos concellos da provincia de menos 20.000 habitantes, incluídos aqueles que non contaban con financiamento de persoal en base ao establecido no decreto da Xunta de Galicia polo que se regulan os servizos sociais comunitarios.
Entre outros concellos, Campo Lameiro e Moraña, pasarán a formar parte por primeira deste plan de cofinanciamento, o que lles permitirá contar a partir deste ano con persoal administrativo para os servizos sociais comunitarios, logrando así dende a Deputación "realizar repartos equilibrados que cheguen a toda a provincia", segundo explicou en rolda de prensa a presidenta, Carmela Silva.
Deste xeito, con esta primeira achega destinaranse un total de 1.317.522 euros a 32 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, que se completarán máis adiante cunha segunda adxudicación para os 20 concellos restantes ata completar os 2.215.035,33 euros que este ano se destinaron ao financiamento do servizo de axuda no fogar e persoal dos servizos comunitarios básicos dos concellos de menos de 20.000 habitantes.
En concreto, o investimento na comarca de Pontevedra será de 198.762,39 euros, que se repartirán entre as vilas de Barro (31.591,27 euros), Campo Lameiro (15.769,29 euros), Poio (89.618,33 euros); Ponte Caldelas (40.917 euros) e Vilaboa (20.866,50 euros).
E na comarca de Caldas ascenden a 178.192 euros, que se repartirán entre Caldas de Reis (50.907 euros), Cuntis (37.469 euros), Moraña (16.070,50 euros) e Portas (29.806,50) euros.
No caso do Salnés, o investimento chega aos 212.376,78 euros que se repartirán entre Cambados (46.623,50 euros), O Grove (50.189,79 euros), Meaño (55.042 euros) Meis (831.224,86 euros) e Ribadumia (29.296,63 euros).
Ademais, con esta primeira achega, tamén se beneficiarán o concello de Bueu, na comarca do Morrazo.
Relacionadas:
-
Cerdedo-Cotobade e Moraña recibirán novas achegas do Plan Concellos
Por Redacción |
-
Marín asume un plan de servizos sociais por máis de 600.000 euros
Por Oskar Viéitez |
-
Barro licita o servizo de axuda no hogar por case 180.000 euros
Por Redacción |
-
Cuntis licita o servizo de axuda no fogar por 1,6 millóns de euros
Por Redacción |
-
Carmela Silva visita as obras financiadas polo Plan Concellos en Caldas de Reis
Por Oskar Viéitez |