O CHOP edita unha guía sobre hixiene de mans dirixida a profesionais e usuarios
Por Redacción
A xerencia dos hospitais de Pontevedra e O Salnés vén de publicar unha guía sobre hixiene de mans dirixida a profesionais e aos usuarios dos centros sanitarios.
Con motivo da celebración do Día Mundial da Hixiene de Mans, que tivo lugar o pasado venres 5 de maio, o servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra elaborou un documento que recolle as medidas necesarias para previr a propagación de infeccións.
O obxectivo é contribuír a mellorar a seguridade do paciente, de aí que a guía estea dirixida tanto aos profesionais sanitarios como aos propios doentes, familiares e usuarios dos centros hospitalarios.
A xerencia fixo entrega este mércores dos premios da III edición do concurso de carteis sobre esta temática, no marco das actividades da campaña de concienciación sobre a importancia da hixiene de mans.
Unha porcentaxe da dotación económica dos galardóns será doada á asociación pontevedresa "Mulleres en pé" para o seu labor de sensibilización, concienciación, investigación, estudo, asistencia, educación e prevención da violencia machista, pola súa loita a prol da igualdade e polo apoio e asesoramento que prestan na cidade do Lérez e comarca ás vítimas da violencia machista.