Desaparece unha das figuras da exposición de Tonucci e causan danos noutra
Por Redacción
As figuras instaladas por rúas e prazas de toda a cidade cos personaxes do pedagogo Francesco Tonucci desde hai dúas semanas volveron a ser vítimas de actos vandálicos nas últimas horas. Unha que estaba instalada na praza de Curros Enríquez desapareceu e outra da rúa Benito Corbal apareceu danada.
Algunhas estatuas xa sufriran pequenos danos nos días seguintes á súa instalación a semana do 25 de abril e este mércores dúas apareceron de novo afectadas. No caso da que desapareceu en Curros Enriquez, tan só estaban a base e os zapatos da figura. No caso da figura de Benito Corbal, apareceu un buraco na cara, pero pouco despois xa foi retirada, aparentemente para a súa reparación.
A Deputación Provincial de Pontevedra, que promove a exposición de Tonucci no Pazo da Cultura e a instalación das figuras por toda a cidade, explicou que teñen constancia de que a medianoite a figura de Curros Enriquez estaba no seu lugar e que na mañá deste mércores desaparecera, pero descoñecen o momento exacto no que lla levaron. Ao mediodía, horas despois da desaparición, a figura foi reposta.
Desde a institución provincial puxeron os feitos en coñecemento da Policía Local de Pontevedra, pero en principio non adoptaron ningunha medida nin denunciaron o ocorrido. Desde a Deputación restan importancia ao ocorrido, aínda que ten claro que a desaparición da figura de Curros Enriquez foi intencionada.
En todo caso, destacan a boa acollida que está a ter esta iniciativa e que a resposta da cidadanía está a ser moi positiva. Déronse situacións de persoas que 'coidaron' algunha das estatuas vestíndolles un xersei e outras que lle pintaron os beizos de vermello, detalles que serven de exemplo de que o comportamento xeneralizado dos pontevedreses é de respecto cara ás figuras.