A Deputación concede préstamos sen xuros a Poio e A Lama
Por Redacción
A Deputación Provincial de Pontevedra concederá préstamos sen xuros aos concellos de Poio e A Lama co obxectivo de facilitarlles unha fonte de financiamento ao menor custe posible.
A concesión aprobouse na última Xunta de Goberno do organismo provincial. En total concederán préstamos sen ningún tipo de xuro, comisións ou gastos doutro tipo a seis concellos por valor de máis de 1,1 millóns de euros.
A medida ten como finalidade que os concellos beneficiarios, os de menos de 50.000 habitantes, poidan afrontar a execución de distintos investimentos de operacións de tesourería.
Segundo o aprobado esta semana, A Lama recibe 124.527,15 euros para mercar un camión de recollida de residuos sólidos urbanos e Poio unha achega de 136.321,55 euros para o financiamento da mellora dos servizos e urbanización da rúa Benigno Esperón.
O goberno da Deputación anterior concedía préstamos cun interés do 2%, pero o actual decidiu suprimir eses xuros co fin de contribuír a mellorar a situación que están a vivir os concellos da provincia de Pontevedra e, ademais, este ano adiantáronse as achegas a comezos de ano (as bases aprobáronse o 27 de xaneiro) ao considerar que se trata dun instrumento máis da planificación de políticas públicas.