Fiscalía solicita 12 anos para os atracadores de tres taxistas
Por Oskar Viéitez
A Fiscalía de Pontevedra imputa aos dous mozos marroquinos tres delitos de roubo con violencia e intimidación, un deles en grao de tentativa, e unha falta de lesións polo asalto a tres taxistas nos municipios de Poio, Marín e Pontevedra.
Os acusados son Imad Hamchachi e Issam Souaf, este último como cooperador necesario. A Fiscalía pide 12 anos de prisión para cada un e o pago dunha multa de 360 euros.
Segundo o escrito de acusación do Ministerio público os feitos tiveron lugar en apenas unhas horas. En concreto, todo empezaría o 15 de novembro do ano pasado en Poio, cando Imad tomou un taxi para ir ata o Casino Mercantil. Unha vez alí sacou un coitelo e un machete que colocou no estómago e o pescozo do taxista. O seu botín foi de 120 euros. O seu compinche recolleuno en moto trasladándose ata Bueu.
De novo repítese o modus operandi, Imad volveu subirse nun taxi no que se desprazou ata o campo de futbol de Bueu. Ameaza co coitelo e o machete á condutora. Este segundo botín foi de cinco euros.
Outra vez foxen en moto, ata a alameda de Marín. Sobe Imad a outro taxi que o leva ata Celulosas. Nesta ocasión, o taxista revolveuse no seu asento enfrontándose ao atracador polo que o asaltante saíu fuxindo xunto ao seu cómplice.