San Xurxo de Sacos engalánase para celebrar o patrón este domingo
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade realizou ao longo dos últimos días tarefas de acondicionamento integral da parroquia de San Xurxo de Sacos para que se atope en perfectas condicións durante a celebración do patrón, unha festa que se celebra este próximo domingo 23 de abril.
A brigada municipal de obras levou a cabo a limpeza e mellora das pistas municipais, ademais da roza de zonas verdes e retirada de maleza. Tamén se realizaron arranxos de menor entidade para renovar a imaxe da parroquia, segundo informan desde o goberno local.
O Concello que preside Jorge Cubela acomete polo menos unha vez ao ano estes traballos nas parroquias do municipio, normalmente antes das festas para desta forma atoparse nas mellores condicións ante a presenza de numerosos visitantes.
MELLORAS EN PEDRE E CUÍÑA
O servizo de obras tamén mellorou a urbanización de Pedre e pavimentaouse o lugar de Cuíña na parroquia de Quireza. Desde o Concello de Cerdedo-Cotobade indican que os traballos se acometen con persoal e maquinaria propios evitando contratacións externas.
En Cuíña procedeuse ao pavimentado en formigón dos accesos interiores, o que mellora a mobilidade desta aldea e atende ás solicitudes cursadas polos veciños ao goberno local.
En Pedre reparáronse diversos elementos do mobiliario urbano que se atopaban deteriorados e na creación dunha pequena zona verde coa plantación de árbores nas beirarrúas.
O vicepresidente municipal, José Balseiros, indicou que este tempo axuda a que as actuacións non se vexan afectadas polas escorrentías de auga e queden moito mellor asentadas.