O alcol mantense como principal causa dos delitos contra a seguridade viaria na cidade
Por Diego Espiño
A Policía Local de Pontevedra revelou os datos da súa memoria anual, correspondente a 2016, en relación aos delitos contra a seguridade viaria que se dan na cidade.
Durante o ano 2016 a Policía Local rexistrou un total de 181 denuncias deste tipo, máis que no ano anterior (172) pero menos que en 2014 (208).
O principal motivo unha vez máis foi o de conducir baixo os efectos do alcol (97 casos) ou as drogas (1 caso máis), representando o 54% dos delitos deste tipo rexistrados no municipio.
Ademais en canto ás alcholemias rexistradas, nun de cada tres casos foi tramitada pola vía penal ao superar o condutor a taxa de 0,60 miligramos por litro de alcol en aire expirado.
A segunda causa de delitos contra a seguridade viaria foi conducir sen o carné de conducir (71 casos), aínda que con variacións interesantes como o aumento de casos de retirada do permiso de condución por decisión xudicial (17 fronte aos 7 de 2015) e pola perda dos puntos (42 fronte a 31), mentres baixa o número de denunciados por non ter obtido nunca o carné.
Ademais denunciáronse 9 condutores pola negación para someterse á proba de alcoholemia e outros tres por condución temeraria.
En todo caso, sumando os delitos por alcoholemia, drogas ou negarse a pasar as probas pertinenentes (107 en total), a cifra mantense estable con respecto ao ano anterior (109) consolidando a baixada que se produciu comparado co ano 2014 (145).
Outro dato rechamante en relación aos condutores interceptados baixos os efectos do alcol e denunciados pola vía penal é que no 89% dos casos tratábase de homes, principalmente de 35 a 49 anos (41%) seguidos da franxa de 18 a 34 anos (39%).
Durante o último ano tramitáronse ademais por vía administrativa outras 201 multas por conducir baixo os efectos do alcol, segundo os datos que manexa a Policía Local.
Relacionadas:
-
Dous controis da Policía Local detectan doce irregularidades en vehículos de transporte de mercadorías
Por Redacción |
-
Os controis de drogas practicados pola Policía Local dan positivo no 40% dos condutores
Por Oskar Viéitez |
-
Dispárase o número de condutores ao volante sen ter puntos no carné
Por Redacción |
-
Pontevedra, decidida a camiñar cara as "cero vítimas graves" en accidentes de tráfico
Por Alejandro Espiño |