Que pasará coas plantacións de eucalipto cando remate a concesión de ENCE en 2018?
Por Natalia Puga
Que pasará coas plantacións de 300.000 hectáreas de eucalipto que hai en Galicia cando remate a concesión de Ence en 2018? E cos 800 postos de traballo que xera a pasteira na súa propia factoría de Lourizán, no Porto de Marín, no transporte e nas tarefas de mantemento de montes na bisbarra de Pontevedra?
As preguntas formúlaas o grupo comarcal de Anova en Pontevedra, non ten resposta para estas e solicita á Xunta de Galicia e ás autoridades locais da bisbarra que pensen nelas e formulen alternativas para que a economía e a sostibilidade ambiental non se vexan resentidas a cinco anos vista, cando dá por feito que Ence se irá da súa situación actual.
O voceiro da agrupación, David Carballal, sinala que a "situación de Ence chega un momento que xa non é sostible" e critica que a raíz da factoría e o seu arraigamento no territorio se instaurou un modelo forestal "herdado do franquismo que xa non ten razón de ser".
Recollendo a luva, outro dos integrantes de Anova, Claudio Quintillán, bota na cara que "ningún dos gobernos que paso pola Xunta de Galicia propuxo un modelo de substitución para ir diversificando este modelo monopolista da explotación do eucalipto" e sinala que o 50% da superficie arborada de Pontevedra (150.000 hectáreas) "é eucalitpto ou mestura con outras especies".
Ambos os dous políticos cren que "a cinco anos do peche da fábrica" (da data de 2018 na que caduca a súa concesión nos terreos de Lourizán) debería haber unha solución formulada a nivel político e ningún deles contempla como posibilidade que se manteña ao termo dese prazo "salvo que haxa algunha novidade rara por aí". Sosteñen que a única opción que hai de que permaneza máis alá desa data é "que o Goberno do Estado pase por enriba do Goberno dá Xunta" a través da nova Lei de Costas da que indican que se deseñou "para facer unha amnistía ambiental da costa".
"Se isto dura 75 anos máis, Galicia non a vai coñecer nin Dios", indica Antón Costa en alusión a que a actual autorización de actividade de Ence foi concedida por un período de 75 anos.