Ribadumia estrea novo alumeado público no barrio da Torre e na rúa Mosqueiro
Por Oskar Viéitez
Unha subvención do Fondo de Compensación Ambiental Competitiva permitiu a renovación das instalacións de luz pública no barrio da Torre e na rúa Mosqueiro.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, acompañado do alcalde de Ribadumia, David Castro, comprobou este luns esta mellora que permitirá reducir o consumo eléctrico e, por tanto, da factura municipal.
Os traballos tiveron un orzamento de case 40.000 euros, dos cales 32.000 procederon da Xunta e o 20% restante do custo da obra foi asumido polo concello así como o IVE.
Deste xeito, no barrio da Torre, instaláronse 28 luminarias led, un cadro de protección e 195 metros lineais de condutores de terra en reforzo dos xa existentes. Na rúa Mosqueiro, colocáronse 26 luminarias, un cadro de protección e 215 metros lineais de condutores de cobre de sección mínima de 16 milímetros.