O Seprona promove o respecto polo medio ambiente no CEIP Amor Ruibal de Barro
Por Redacción
Axentes do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil levaron este venres o Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos e as súas contornas ao CEIP Amor Ruibal de Barro e achegaron ao alumnado tanto o seu traballo e funcións como nocións básicas de respecto ao medio ambiente e uso responsable dos recursos naturais.
A actividade formativa correu a cargo de axentes do Seprona de Vilagarcía de Arousa, que tiveron unha maratoniana mañá na que impartiron talleres informativos adaptados ás distintas idades. Entre outras accións, promoveron entre os mozos o respecto aos animais e o seu benestar, así como o uso responsable dos recursos naturais.
Segundo indicaron os axentes que impartiron os obradoiros dentro do Plan Director da Secretaría de Estado de Seguridade, os escolares mostráronse moi participativos e interesados polo labor que desenvolve o Seprona na protección do medio ambiente e non ocultaron ante os efectivos que impartían as charlas a súa sorpresa e contrariedade por algunhas das agresións que produce o ser humano á natureza.
Respecto diso, segundo os axentes participantes, cabe apuntar que se mostraron contrariados cando lles mostraron imaxes que recollían a devastación dos bosques por mor dos incendios forestais.