Isabel Risco será a teloneira do festival de parodias de Portonovo
Por Redacción
A actriz galega Isabel Risco será a encargada de inaugurar o Festival de Parodias programado para este venres pola noite dentro dos actos de entroido organizados pola Concellería de Cultura do Concello de Sanxenxo.
Quen acuda a Portonovo poderán gozar deste espectáculo gratuíto sen temor algún á choiva xa que, en previsión de mal tempo, instalouse no recinto portuario unha carpa que garanta a celebración deste espectáculo.
Así, ás 21.30 horas Isabel Risco converterase na superheroína Nabiza Girl, un personaxe inventado pola intérprete que, co paso do tempo, configurou un dos seus álter ego artísticos. O humor, a idiosincrasia galega e as historias absurdas mestúranse en Nabiza Girl, unha superheroína do rural galego con denominación de orixe protexida e cuxos poderes proceden do sulfato.
Isabel Risco dará paso ás actuacións locais, xa que o Festival de Parodias conta coas actuacións da asociación de Mulleres Rurais Santa Catalina de Portonovo; o colectivo Portonovo na Rúa, o grupo As Comadres e o grupo de teatro do Laranxo.
E o sábado os locais de Portonovo celebrarán a Festa do Jato que, debido aos cambios provocados pola choiva, coincidirá co Enterro da Sardiña nesta localidade.
A Concellería de Cultura mantén para o domingo o Desfile de Adultos, moi pendente das previsións meteorolóxicas.
Relacionadas:
-
VIDEO.- 'Se vés disfrazado de Jato, encontra o rato'
Por Sofía Fernández Fuentes |
-
A chuvia apraza a recta final do entroido de Sanxenxo
Por Redacción |
-
A chuvia obriga a buscar novas datas nos entroidos de Poio e Sanxenxo
Por Redacción |
-
Sanxenxo prepara un Entroido de oito días con actividades para todas as idades
Por Redacción |
-
Sanxenxo prohibe a utilización de lume e de animais no desfile de Entroido
Por Redacción |