Dous feridos en Barro tras bater dous coches cun camión que transportaba gasóleo
Por Redacción
Dúas persoas resultaron feridas nun accidente de tráfico que tivo lugar na tarde deste martes na PO-531, ao seu paso por Curro (Barro).
Segundo informou o 112 Galicia, o sinistro tivo lugar ás 15.30 horas. En concreto, o accidente produciuse tras o choque entre dous coches e un camión que transportaba gasóleo.
Os dous feridos, segundo trasladaron desde Urxencias Médicas, non revisten gravidade.
O camión, que transportaba 2.000 litros de combustible, puido continuar a súa marcha tras o accidente sen ningún tipo de complicación.
Ata o lugar dos feitos trasladáronse, ademais dos efectivos sanitarios, os Bombeiros do Salnés, Protección Civil e a Garda Civil de Tráfico.
Ademais, tamén se alertou á Axencia Galega de Infraestruturas por se consideraban necesario realizar algunha actuación para reforzar a seguridade nesta estrada.