Cerdedo-Cotobade revisará o estado de todos os parques infantís do municipio
Por Redacción
A maioría dos parques infantís de Cerdedo-Cotobade está en boa situación, pero é necesario acometer algunhas modificacións para deixalos en perfecto estado. Así o acredita a primeira análise que fixo o goberno municipal sobre esta cuestión.
Os servizos municipais xa elaboraron unha memoria, avaliada polo arquitecto técnico municipal, e cursaron o correspondente proxecto ante a Xunta de Galicia para optar ao financiamento do mesmo, que está orzamentado en 62.500 euros.
O obxectivo deste investimento pasa por revisar os parques, malia que xa se fixo unha supervisión inicial que xustifica esta necesidade, e acometer reparacións naqueles casos nos que fora necesario para cumprir coa normativa europea e autonómica.
Entre as actuacións proxectadas figuran a eliminación da ferraxe nos parafusos nos distintos elementos de xogo, o borrado de pintadas e grafitis, a eliminación de musgos nos distintos elementos de caucho, a instalación de piso amortecedor naqueles elementos que non o teñen ou a reparación ou recambio de peches perimetrais.
Ademais, o Concello busca con esta iniciativa obter os certificados de homologación expedidos por algunha empresa acreditada en Enac.
O goberno local de Cerdedo-Cotobade considera que este proxecto é de gran importancia "para mellorar a xa boa situación das zonas de lecer dos cativos, que empregan moito estas instalacións, e sobre todo para garantir a perfecta seguridade dos nenos no seu tempo e espazo de xogo".