Un menor condenado por tocamentos a unha moza: "Le tocamos el culo porque nos parecía una situación graciosa"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
AAA e BBB eran menores de idade cando en novembro de 2012 se propasaron cunha moza nunha festa en Lalín e por estes feitos xa foron xulgados e condenados coa súa conformidade polo Xulgado de Menores. Agora, tras asistir durante nove meses a un curso de reeducación, volveron ante o xuíz, pero como testemuñas.
Ambos declararon este xoves na segunda sesión do xuízo que se segue contra dous mozos por presuntamente agredir sexualmente á mesma moza esa mesma noite, pois o fiscal sostén que se tratou dunha agresión multiple na que participaron os catro, dous menores e dous maiores de idade. Na súa nova comparecencia xudicial, ambos recoñeceron que se propasaron, exculparon ao acusado Ángel G.A. e aseguraron descoñecer se o outro procesado, Breogán F.T., cometeu algún delito.
O xuízo retomarase o vindeiro luns 27 de febreiro. O fiscal pide 12 anos de prisión para Breogán F.T. por un delito de violación e outros cinco anos para o Ángel G.A por agresión sexual.
AAA (o seu nome non se difundirá por ser menores cando cometeron o delito) recoñeceu que "sí le tocamos el culo porque nos parecía una situación graciosa". A preguntas do fiscal, Pablo Varela, sobre o motivo de que a situación lles resultase graciosa, explicou que el e o seu amigo pasaban á beira do palco da festa cando viron que o acusado Breogán F.T. estaba debaixo cunha moza. Segundo a súa versión, chamounos, de modo que se achegaron e tocáronlle o cu porque "nos hizo gracia". O que os moveu foi, segundo recoñeceu, "el ánimo de reirnos un pouco".
Este mesmo mozo asegurou que o seu amigo Ángel e tamén acusado non estivo baixo o palco coa moza en ningún momento, unha afirmación coa que coincide o segundo menor implicado, BBB. Este mozo non quixo reproducir na sala a súa participación nos feitos e mesmo pregunto ao avogado que lle interrogaba "¿me juzgan dos veces por la misma cosa?", aludindo a que xa foi xulgado e condenado e "estoy arrepentido".
Sobre o segundo acusado, Breogán F.T., explicou que el pensaba que a victima e el eran parella e que lles viu xuntos baixo o palco, pero "no sé si Breogán la estaba acosando o no". De feito, el pensou que "estaba todo consentido".
A presunta vítima, que o martes declarou a porta pechada, estaba esa noite con dúas amigas. Unha delas declarou este xoves na sala e corroborou a denuncia presentada pola súa amiga e o relato dos feitos que mantén a Fiscalía. Explicou que os dous menores e Breogán F.T. "rodeárona e tocárona" xa no propio campo da festa e, despois, o acusado levouna á o forza baixo o palco e alí estiveron os tres con ela.
Esta moza descoñece que pasou, pero cando xa saíron, a presunta vítima "estaba nerviosa" e víaselle o suxeitador. A pesar do ocorrido, nin ela nin a súa irmá fixeron nada porque "bloqueámonos e non lle demos a importancia que había que darlle". Atribúeo a que eran moi novos.
Pola sala do xuízo tamén pasaron varios amigos do acusado Breogán que aseguraron que tras eses feitos, en varias ocasións, a suposta vítima "perseguía" ao mozo cando estaban nalgunha festa. Tamén a súa actual noiva insistiu nesa situación e varias testemuñas aseguraron que el tivera que irse dalgunha verbena ou feira para evitar á moza.
A nai do procesado foi moito máis alá na defensa do seu fillo, pois asegurou que a noite na que sucederon os feitos xulgados el estivo con ela, o seu marido, os seus curmáns e varios amigos, non o perdeu de vista "en ningún momento" e nin sequera estivo coa presunta vítima. O fiscal lembroulle que xusto antes de empezar a declarar lembráronlle que podía non declarar contra o seu fillo, pero, se declaraba, debía dicir a verdade. A pesar diso, insistiu en que non deixou de velo en toda a noite.
A muller tamén asegurou que o mércores seguinte á presunta agresión sexual -ocorreu un venres- a moza presentouse no bar familiar e díxolle "vouno denunciar. Se non me paga, vouno denunciar". Tamén que, tras a denuncia, a moza adoitaba frecuentar o bar e, aínda despois de pedir unha orde de afastamento do acusado, varios días á semana adoitaba ir coas súas amigas e sentar preto do negocio esperando a que el saíse. Unha vez mesmo a familia do mozo chamou á Policía Local e a Garda Civil para que houbese probas do que facía.
Relacionadas:
-
O fiscal retira a acusación contra un dos sospeitosos dunha agresión sexual múltiple en Lalín
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Os peritos declaran que a vítima dunha violación múltiple en Lalín presenta tensión postraumática
Por Natalia Puga |
-
Un acusado de agresión sexual sostén a súa inocencia alegando que a vítima estivera nunha festa semi espida
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Unha agresión sexual múltiple a unha moza de Lalín será xulgada na Audiencia
Por Redacción |