Un acusado de agresión sexual sostén a súa inocencia alegando que a vítima estivera nunha festa semi espida
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Os mozos Breogán F.T. e Ángel G.A. sentaron este martes no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Pontevedra por presuntamente participar nunha agresión sexual múltiple na que ambos e dous menores de idade actuaron contra unha moza nunha festa en Lalín en novembro de 2012. Ambos os dous negaron violar á moza e un deles mesmo alegou o curioso argumento de que "cuando vas a una fiesta desnuda de la cintura para arriba, no sé cuál es la interpretación".
O acusado en cuestión, Breogán F.T., asegurou que coñecía á suposta vítima xa de antes do día dos feitos e que, no pasado, ela acudira semi espida a unha festa. Á vista desa resposta, que o acusado deu en dúas ocasións, o fiscal preguntoulle se, ao seu xuízo, ese comportamento xustificaba que alguén puidese tocala, pero el asegurou que non, pero que si provoca que alguén teña "una vista de ella de una persona sin cabeza".
Este mesmo mozo explicou que con esa moza xa tivera un "percance" un día que ela o meteu no baño do bar dos seus pais e "me bajó los pantalones" e que o día que ocorreron os feitos que se xulgan na Audiencia ela achegóuselle e díxolle "que se quería enrollar con nosotros", pero el contestoulle "que non quería saber nada de ella".
O fiscal sostén que os catro mozos rodearon á súa vítima e a pesar da resistencia da moza manosearon as súas partes íntimas por encima da roupa en repetidas ocasións. Tras este primeiro episodio, un dos dous homes levou á moza pola forza ata a parte traseira do palco da festa e agrediuna sexualmente mentres a bicaba mentres os dous menores lle axudaron ao agarrar á vítima para que non puidese escapar.
Este martes declararon os dous acusados, a presunta vítima e unha amiga desta. A vítima declarou a porta pechada e tras un biombo e a amiga asegurou que viu como entre os catro ao mesmo tempo a manoseaban no campo da festa, fronte ao palco e, logo, como tres deles levárona a debaixo do palco e seguían, aínda que recoñeceu que non se vía ben e non sabía que pasara.
A pesar de que estaba segura de que "unha broma non parecía" e que a súa amiga "contenta non estaba", nin ela nin a outra moza que as acompañaba actuou para liberala dos seus presuntos agresores. A preguntas do fiscal, Pablo Varela, explicou que "nese momento non reaccionamos". Non o fixeron ata que o mozo que non estaba baixo o palco, o acusado Ángel G.A., achegóuselles e díxolles que sería recomendable ir a xunto o resto do grupo por se se estaban propasando. Xusto cando se dirixían a eles, xa terminaran, regresaban á festa e a presunta vítima quixo irse para casa sen contar nada ás súas amigas, tan só que a tocaran.
O acusado Ángel G.A. si viu como os outros tres, Breogán e os dous menores tocaban e bicaban á presunta vítima na festas, pero non sabe que pasou cando se foron baixo o palco porque "estaba moi escuro". Segundo asegura, "no vi que ella se negase ni nada". O acusado Breogán indicou que si viu aos dous menores bicándose coa presunta vítima, pero nega que el a tocase ou bicase e tamén que fora con ela á zona do palco. Con todo, o fiscal apreciou unha contradición entre o declarado este martes na sala e o que contou no seu día no xulgado de Lalín.
O xuízo retómase o próximo 23 de febreiro coa declaración de máis testemuñas e dos peritos. De momento, o fiscal pide 12 anos de prisión para Breogán F.T. por un delito de violación e outros cinco anos para o Ángel G.A por un delito de agresión sexual e que ambos indemnicen á moza con 7.000 euros polos danos psicolóxicos que lle causou este episodio.
Relacionadas:
-
O fiscal retira a acusación contra un dos sospeitosos dunha agresión sexual múltiple en Lalín
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Os peritos declaran que a vítima dunha violación múltiple en Lalín presenta tensión postraumática
Por Natalia Puga |
-
Un menor condenado por tocamentos a unha moza: "Le tocamos el culo porque nos parecía una situación graciosa"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Unha agresión sexual múltiple a unha moza de Lalín será xulgada na Audiencia
Por Redacción |