O colexio de Dorrón sumarase ao Plan Madruga o próximo curso
Por Redacción
O CEIP Magaláns de Dorrón implantará o Plan Madruga no centro para partir do próximo curso escolar. Así o avanzou a concelleira de Educación, Sandra Fernández Agraso, tras acordar coa comunidade educativa que se trata dun servizo necesario para facilitar a conciliación laboral das familias que levan aos seus fillos a este colexio.
O horario lectivo no colexio de Dorrón comeza ás 9.10 horas da mañá, por decisión da Consellería de Educación que ten que combinar o servizo de transporte escolar en todos os centros adxudicado a unha única empresa.
Tras analizar a situación coa dirección do centro e co ANPA, a Concellería de Educación conclúe que non é viable habilitar un espazo dentro do CEIP para ofertar o Plan Madruga polo que decidiu acondicionar as instalacións da Casa de Cultura anexa ao Magaláns.
Os técnicos municipais revisaron xa as instalacións deste inmoble, xa que a Concellería de Educación quere acondicionar o baixo desta Casa de Cultura como local permanente para o Plan Madruga.
Trátase dun espazo que se atopa en estrutura, sen teito, nin chan, coas paredes en ladrillo e sen un baño. Por iso, os técnicos municipais elaborarán o correspondente proxecto que permitirá executar unha obra que o goberno local quere incluír no Plan Concellos 2017 que financia a Deputación.
A tramitación da mesma non permitirá a conclusión dos traballos en setembro, coincidindo co inicio do curso. Por iso, e como medida provisional, acondicionarase a primeira planta da Casa de Cultura, onde si existen xa unhas instalacións facilmente adaptables, ás que só será necesario complementar con mobiliario e algún equipamento
"Somos conscientes de que é moi urxente acometer estes traballos, porque de non poñer os medios para que o CEIP Magaláns conte o vindeiro curso co Plan Madruga poderiamos estar abocando a algunhas familias a matricular aos seus fillos noutros colexios, ao non poder compatibilizar os horarios escolares e laborais", explicou a edil de Educación.