"As mulleres estamos fartas", berro da CIG para conmemorar o Día da Muller Traballadora
Por Anxo Lourido
Representantes do sindicato CIG concentráronse este mediodía na denominada Praza do 8 de marzo, na confluencia entre A Peregrina e Daniel de la Sota para conmemorar o Día da Muller Traballadora.
Este sindicato reclama ao Goberno central medidas concretas e recursos públicos para erradicar a violencia machista. Ademais, entre outras reivindicacións, dende a CIG pídese un ensino público non sexista e a equiparación dos dereitos laborais das empregadas de fogar, do sexo e das inmigrantes. A iso tamén se suma a petición de respecto aos dereitos sexuais e reprodutivos que permitan ás mulleres decidir sobre a súa maternidade.
Nun comunicado, a CIG afirma que non van permitir nin un só retroceso máis no avance dos dereitos da muller porque, tal e como indica o lema da súa protesta, están "fartas de estar discriminadas". Denuncian ademais que, cada vez, máis mulleres sobreviven grazas á axuda social porque no momento de crise actual son as principais afectadas polo paro.