Rematan as obras de recollida de pluviais na Quintán e solventan as escorrentías ata o Centro de Saúde
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas finalizou dúas obras moi demandadas polos veciños desde hai anos, segundo apuntan desde o goberno local. Resolveuse a canalización das augas pluviais que baixan da parte alta de Caldelas, na zona de Quintán.
A obra centrouse en dividir a caida destas augas polos dous laterais da estrada que baixa desde a igrexa de Santa Eulalia. Desta forma evítase o desbordamento das augas de choiva que teñen pechado ata o Centro de Saúde e a fachada traseira e lateral da Casa do Concello.
Con esta mellora realizada queda tamén solucinado o problema que padecían tres casas, que corrían o risco de inundación nos baixos e que, de feito, xa sufriron problemas durante os dous últimos anos.
No segundo caso, reparouse completamente e ampliouse o muro de contención no acceso principal ao núcleo de Baltar. Repúxose o muro e permitiuse unha pequena ampliación do viario.
O alcalde Andrés Díaz sinala que se atoparon con numerosas peticións de obras e reparación dalgunhas mal executadas. O rexedor sinala que cada localidade contará cunha ou dúas actuacións anuais ata finalizar o actual mandato.