Bueu celebrará unha ruta das tapas e cócteles de inverno do 16 ao 19 de febreiro
Por Redacción
Entre os días 16 e 19 de febreiro, Bueu organizará unha ruta das tapas e cócteles de inverno. Así se acordou este luns nunha reunión celebrada entre a concelleira de promoción económica e turismo, Silvia Carballo, e representantes da hostalaría da localidade.
Tras o acordado cos representantes dalgúns locais da vila, decidiuse que a temática será libre aínda que terá como denominador común o inverno. O custe da tapa será de 2 euros, e o do cóctel será acordado nunha reunión cos locais participantes.
A ruta terá horario de 12.00 a 13.30 pola mañá e de 20.00 a 22.00 horas pola tarde, con posibilidade de horario estendido.
Segundo informou o Concello a través dun comunicado, todos os bares e restaurantes que desexen participar deben inscribirse antes do venres 20 de xaneiro e comunicar o nome da tapa e/ou cóctel antes do luns 23 ao correo silvia@concellodebueu.org. Ademais, a fotografía da tapa e/ou cóctel para promoción debe ser enviada con data límite o 30 de xaneiro.