Nauta Sanxenxo saca a contratación a compra dun guindastre
Por Redacción
O Consello de Administración de Nauta Sanxenxo decidiu por unanimidade iniciar o proceso de adquisición dun guindastre pórtico mariña tipo travelift provisto de pluma para desarborado, ao atoparse o actual nun estado de avanzada deterioración.
O orzamento máximo de licitación ascende a 260.000 euros que con IVE elévase a 314.600 euros, mediante un proceso ao que poderán concorrer as persoas naturais ou xurídicas que acrediten a súa solvencia económica, financeira e técnica.
Nauta Sanxenxo, empresa pública que xestiona o porto deportivo, pretende dotarse dun novo pórtico automotor que asegure o varado dos barcos e a rápida adaptación ás diferentes medidas dos mesmos dentro dos parámetros de peso, capacidade, eslora e manda definidos pola propia empresa.
Trátase por tanto dun guindastre que posibilitará o izado dos veleiros deportivos de maior envergadura con quilla profunda tal e como require a empresa para a correcta operativa do porto, e que non adoita ser unha dimensión estándar, facendo necesaria unha fabricación a medida.
Entre as características técnicas esixidas ao novo travelift destacan unha capacidade de elevación de 60 toneladas como mínimo; unha altura libre interior baixo pastecas de 9.000 mm e ancho libre de 7.400 mm, así como unha pluma de desarborado para 800 quilos, aproximadamente.