O goberno de Carmela Silva investiu este ano en Vilagarcía preto de dous millóns de euros
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra investiu en Vilagarcía de Arousa no ano 2016 un total de 1.894.690,82 euros.
En liñas xerais, o goberno de Carmela Silva dedicou á vila arousá 1.447.806,76 euros a través do Plan Concellos 2016 case un 24% máis que no ano anterior.
Entre outros investimentos o Concello de Vilagarcía adicou os cartos á instalación dun sistema de megafonía no salón de plenos municipal, dun sistema de copias de seguridade e dun sistema de gravación e postminutaxe das sesións plenarias, para a realización de melloras no sistema eléctrico a través de dous "switches", as reparacións no estadio de atletismo no complexo deportivo de Fontecarmoa, o tratamento de medianeiras e elementos singulares na rúa Romero Ortiz, o subministro dunha motocicleta e cinco bicicletas á Policía Local, obras varias de acondicionamento e mellora do punto limpo de Pinar do Rei, a construción dunha escola infantil en Vilaxoán, as instalacións multideportivas de Carril e o subministro de catro coches de pedais e dous remolques de asentos adicionais para o parque infantil de tráfico.
Ademais, sufragáronse diversos gastos correntes e desenvolveuse un programa de actividades no eido da igualdade e prevención da violencia de xénero, o "Tecnoverán 2016", os gastos de funcionamento do Conservatorio Profesional de Música e dúas intervencións con familias en situación de emerxencia social e para a inclusión da poboación xitana, e creáronse 34 postos de traballo nos servizos municipais.
Á marxe do Plan Concellos 2016, Vilagarcía de Arousa recibiu financiamento para o fomento da cultura e a lingua na vila, con preto de 80 actuacións do Pontegal e do Ano Castelao e axudas para a rehabilitación do patrimonio histórico-cultural e á dinamización lingüística. Tamén se destinaron fondos para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociais especializados ou ben mediante os programas que impulsa a institución provincial.