Os bombeiros interveñen nun pequeno incendio causado por candeas na rúa Antonio Fraguas
Por Anxo Lourido
Os bombeiros de Pontevedra tiveron que trasladarse ás 9:30 horas deste xoves 29 aos edificios de Veteris onde no piso 1º-N do número 9 de Antonio Fraguas rexistrábase un incendio nun patio interior, segundo informaban os Bombeiros do Parque de Pontevedra.
As causas do incendio, segundo os primeiros indicios, relaciónanse coa caldeira de gas e a presenza dunhas velas nunha zona onde se atopaban varios electrodomésticos como unha lavadora, roupas e outros aveños. A cera dunha das velas provocou que se picase unha tubaxe de auga, que chegou a provocar filtracións no supermercado Supercor que se atopa no baixo do edificio.
O incidente alertou os veciños e foi necesario que os bombeiros ventilaran as estancias do piso onde se rexistrou o suceso, pero non tiveron que desaloxar o edificio.
Ata o lugar desprazouse unha dotación dos Bombeiros de Pontevedra, ademais da Policía Local e unha ambulancia medicalizada que trasladaba a un centro hospitalario ás dúas persoas residentes na vivenda onde se rexistraba o incendio. Ambas se atopaban conscientes pero afectadas levemente pola presenza do fume.