Bricoking entra en concurso de acredores voluntario pero Pontevedra se salva
Por Oskar Viéitez
O Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña publicou este venres un auto no que se acorda a entrada de Bricoking, empresa galega de bricolaxe, en concurso de acredores. En Pontevedra, Bricoking tiña un establecemento no polígono comercial do Vao que desligouse do grupo e sálvase desta crise.
Segundo informou Ramón Vidal, secretario intercomarcal de UXT en Pontevedra e Arousa, desde hai case tres meses estivo a traballarse de maneira discreta na venda deste centro comercial e a súa separación do grupo. O centro de Pontevedra está moi ben considerado polo seu bo servizo avalado polas cifras económicas e por unha alta clientela fixa.
Esta venda concretouse recentemente e agora o centro denomínase Bricolaxe Pontevedra, aínda que mantén a imaxe comercial e nomenclatura de Bricoking.
O persoal pontevedrés fluctuaba entre 20 e 30 traballadores, segundo a tempada. Tras a compra a súa estabilidade está garantida, segundo informou Ramón Vidal.
Nos últimos días púidose apreciar a falta de reposición dalgúns materiais nas andeis pero, unha vez consolidada a venda, a situación volverá á normalidade.
As previsións dos novos donos son de incrementar o persoal e os servizos que se ofrecen aos clientes.
CONCURSO DE ACREDORES
Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o pasado mes de novembro a propia compañía presentou unha solicitude neste sentido ao ser incapaz de cumprir coas súas obrigacións presentes e futuras por mor do seu nivel de endebedamento.
Bricoking presentou no xulgado a documentación pertinente para declararse en suspensión de pagos, na que se sinala que consta dun activo superior aos 23 millóns de euros, inferior ao montante de débedas, que ascende a unha cantidade por encima dos 24 millóns de euros.
Segundo se recolle no auto, a relación de acredores consta de máis de 50 membros e 131 traballadores da empresa.
Desde a Sala efectuouse un chamamento aos acredores para que poñan en coñecemento da administración concursal a existencia dos seus créditos no prazo correspondente.
De acordo co recollido no auto, o concurso de acredores de Bricoking resolverase polo procedemento ordinario.