Ferido grave un pontevedrés que se precipitou co seu coche por un desnivel e quedou envorcado e atrapado
Por Natalia Puga
Un veciño de Pontevedra de 42 anos resultou ferido de gravidade este luns nun aparatoso accidente de circulación no termo municipal de Forcarei. Por motivos que se descoñecen, saíu da vía pola marxe esquerda, precipitouse por un desnivel e acabou envorcado e atrapado dentro. Así permaneceu durante un tempo que non puido ser determinado, pois perdeu o coñecemento e non pediu axuda ata que espertou.
O ferido, J.C.D.B., que circulaba nunha furgoneta de traballo, alertou ao 112 en canto espertou, sobre as 11.10 horas, e indicou que estaba atrapado no interior do vehículo, pero descoñecía o lugar onde se atopaba e o tempo que levaba alí.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia, o ferido enviou as coordenadas do lugar onde se atopaba, de modo que os servizos de emerxencia puideron dar co punto exacto, que resultou ser a estrada EP-7201 preto do lugar de Filloi, en Forcarei.
Unha vez no lugar, os servizos sanitarios confirmaron a gravidade do paciente e, unha vez rescatado, foi trasladado nun helicóptero medicalizado ao Hospital Montecelo de Pontevedra. Para liberar ao ferido, foi necesaria a intervención dos Bombeiros do Deza. Debido á posición en que quedou o vehículo, tamén foi necesario estabilizalo.
O suceso motivou a intervención da Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros do Deza, a Policía Local, Protección Civil e o Grupo de Emerxencias Supramunicipal da Estrada.