Hugo e a súa nai, gañadores do concurso "En ASPACE cociñamos xuntos"
Por Redacción
Coñecimos a súa historia nunha xornada de portas abertas que Amencer celebrou recentemente no seu centro de Ponte Muiños, pero o que non sabiamos é que Hugo tiña tan bos dotes para a cociña. Demostrouno, acompañado da súa nai Carmen, ao proclamarse gañador do concurso En ASPACE cociñamos xuntos.
Esta iniciativa tiña como obxectivo unir ao redor dos fogóns a persoas con parálise cerebral xunto ás súas familias coa meta de elaborar a mellor tosta con produtos típicos do outono, tales como champiñóns, cabaza e castañas.
Cogomelos, gambas, allo, ovo e manteiga, entre outros, foron os ingredientes empregados por Carmen e Hugo para elaborar a tosta vencedora na final do concurso, celebrada no centro residencial que a asociación ten en Navia (Vigo).
Como premio, Carmen e Hugo recibiron un lote de produtos por cortesía de Ribeiro Esencia Galega e ademais poderán gozar dunha cea nun dos restaurantes do Grupo Nove Cociñeiros.
Esta gran final contou cun xurado de excepción composto por José Manuel García do programa da Radio Galega Come e Fala, Iñaki Bretal do restaurante Eirado da Leña (Pontevedra) e membro de Grupo Nove Cociñeiros e Iván Méndez de Burbidas Taberna Gastronómica en Mondariz- Balneario.
Os membros do xurado destacaron a gran calidade das tostas elaboradas por todos os participantes e a importancia de iniciativas solidarias como esta.