Localizado na Coruña o veciño de Barro desaparecido o domingo
Por Redacción
O veciño de Barro cuxa desaparición fora denunciada nas últimas horas xa foi localizado. Luís Chan Touriño foi achado, en bo estado, nas inmediacións da estación de autobuses da Coruña.
O home, de 40 anos, estaba nun bar situado enfronte destas instalacións. Alí foi identificado, a medianoite, por un mozo que vira a súa imaxe nas redes sociais, despois de que a familia denunciase a súa desaparición ante a Garda Civil.
Tras chamar ao 112, unha patrulla da Policía Nacional fíxose cargo del ata que chegase a familia para recollelo.
A familia formalizara a denuncia na noite deste domingo no cuartel da Garda Civil de Caldas de Reis, despois de que non regresara á súa casa do lugar de Agudelo.
Segundo relataron os familiares, o home desaparecido ten unha discapacidade intelectual e ademais necesitaba medicación.
Luís Chan fora visto por última vez cando ía a pé por Barro e barallábase inicialmente que puidese dirixirse a Pontevedra, tanto camiñando como en autobús, de modo que a Garda Civil puxo a desaparición en coñecemento de todas as Forzas de Seguridade doutras localidades, tanto patrullas do Instituto Armado como da Policía Nacional.
Relacionadas:
-
Buscan un veciño de Barro desaparecido desde a tarde do domingo
Por Redacción | Creada e actualizada