Denuncian ante a Policía Nacional a desaparición dunha moza de Mourente
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Policía Nacional de Pontevedra investiga a desaparición dunha moza de 21 anos veciña da parroquia de Mourente.
O pai da moza foi quen interpuxo a denuncia este martes despois de que a súa filla non regresase ao seu domicilio tras saír a tirar o lixo.
A información foi difundida polo delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva tras a celebración dos actos de celebración da patroa da Garda Civil, a Virxe do Pilar.
"Trátase dunha moza que é maior de idade, e con todas as cautelas iniciarase a procura desa persoa tentando atopala, pero ao ser maior de idade pódese ir voluntariamente. Esperemos que sexa unha desaparición voluntaria", engadiu.
A familia logrou contactar coa moza na tarde do martes, un par de horas despois de que desaparecese. A moza indicou que estaba a viaxar coa súa parella e, a continuación, un home contestou o teléfono dicindo que estaban moi lonxe e que non ían volver. A partir dese momento, o móbil deixou de dar sinal.
O delegado do Goberno insistiu en que por agora non hai "nada que poida levar ao desasosego" neste caso que implica a unha muller de vinte e un anos.
Na denuncia faise constar que a moza presenta certo grao de discapacidade psíquica.