Sanxenxo prolonga o seu tirón turístico ao mes de setembro
Por Redacción
O bo tempo rexistrado durante o mes de setembro nas Rías Baixas foi determinante para que os turistas continuasen gozando das paisaxes e das ofertas de lecer e descanso de Sanxenxo.
Segundo o goberno local, un dato que constata esta prolongación da tempada de vacacións ao mes de setembro detéctase na recadación do aparcadoiro de Nauta, que alcanzou os 55.948 euros fronte aos 44.692 do mesmo mes en 2015. Os sábados foron os días con maior rotación de turismos neste aparcadoiro chegando aos mil vehículos diarios.
Por outra banda, o resumo mensual facilitado pola concesionaria do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos relativos a esta época apunta a un incremento da xeración de restos orgánicos aumentando tamén a recollida selectiva. Houbo un incremento respecto de setembro de 2015 de apróximadamente 52.000 quilos.
En canto aos consumos de auga, alcanzáronse os 241.117 metros cúbicos aumentando en 70.000 os do ano pasado.