Louzán pide ao seus alcaldes "unha soa voz" ante a reforma local e ofrece un consenso á oposición
Por Alejandro Espiño
O anteproxecto de reforma da administración local que prepara o Goberno non gusta, tampouco, aos alcaldes do Partido Popular, polo menos nos termos que se coñecen. De aí que o presidente provincial do PP en Pontevedra, Rafael Louzán, fixera un chamamento ao consenso entre todas as forzas políticas para defender a posición da provincia e de toda Galicia ante a reforma local "cunha soa voz".
Asegurouno no descanso dunha xornada de traballo que celebrou na sede provincial do partido e á que asistiron todos os alcaldes populares da provincia e os voceiros de Pontevedra e Vigo. Nela tamén participaron o secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, e o vicesecretario do partido, Agustín Hernández.
Louzán reiterou que "é imprescindible unha reforma potente da administración en todos os ámbitos e tamén, evidentemente, a nivel local", e criticou que queiran dar leccións os mesmos que "pasaron 20 anos prometendo unha reforma e nunca fixeron absolutamente nada". Neste sentido, dixo que o PSOE pasouse máis de dúas décadas prometendo unha reforma "pero non fixo nin un só intento de dar solución aos problemas da administración local".
Afirmou o presidente dos populares pontevedreses que "agora, cun goberno do PP, temos un anteproxecto de reforma sobre a mesa", e insistiu en que máis alá de cuestións que son mellorables e que se tratarán de mellorar para adaptar a nova norma á realidade galega, "xa se deu un paso moi importante: hai unha proposta formal, un intento real da dar resposta á necesaria reforma local".
Rafael Louzán incidiu en que o anteproxecto presentado polo Goberno central está sendo ben acollido na maioría das comunidades autónomas, pero as peculiaridades de Galicia fan que sexa preciso un esforzo de adaptación nesta comunidade. O obxectivo é elaborar "un texto común que agardo sexa consensuado incluso con outras forzas políticas" porque o importante, dixo, "é que Galicia defenda os seus intereses de forma unida".
"A mellor maneira de defender os intereses desta provincia e de Galicia é que falemos cunha soa voz: hai que buscar o maior consenso posible en primeiro lugar entre os alcaldes, alcaldesas e cargos públicos de cada partido e, despois, entre todos os grupos políticos para dar a coñecer a realidade galega e as propostas de mellora na nova lei", afirmou.
No mesmo sentido se pronunciou Alfonso Rueda, quen lembrou que a Xunta ten 15 días para presentar alegacións á norma e que así o fará, co obxectivo de adaptar a norma ás peculiaridades de Galicia. De aí que sinalara a importancia de manter encontros con alcaldes para esta posta en común de posturas e ir perfilando unha proposta. Asegurou que este é un asunto que "transcende ideoloxías", polo que se buscará o máximo consenso posible con todas as forzas a través da FEGAMP.
A xuntanza cos alcaldes xa estaba programada desde hai semanas
En todo caso, Louzán explicou que esta xuntanza estaba programada desde hai varias semanas "como un foro no que intercambiar opinións e experiencias na xestión local e, en especial, nesa labor que os alcaldes e alcaldesas fan a diario cos veciños e veciñas" e, ao aprobarse o citado anteproxecto, este entrou tamén no debate como un punto central pola súa repercusión municipal.
Neste encontro analizáronse outras cuestións como é a resposta aos problemas máis frecuentes e urxentes da cidadanía ou a mellora na xestión dos servizos. Louzán lembrou que "son moitas as persoas que sofren verdadeiros dramas nestes momentos e a primeira institución á que acoden é á alcaldía", polo que "escoitar aos alcaldes permite coñecer a fondo a problemática real da sociedade".