O alcalde da Lama critica o "alarmismo" e a "caza de bruxas" do portavoz dos veciños de Xesta
Por Oskar Viéitez
O alcalde da Lama, Jorge Canda, criticou ao presidente da Asociación de Veciños San Bartolomé e portavoz municipal do Partido Socialista polo "protagonismo político desmedido que está a buscar Enrique Vaqueiro por mor dá inscrición, por erro, do Casino dos Prados a nome do Arcebispado de Santiago".
Reitera que "era innecesario o certificado da autoridade eclesiástica" porque para emendar o erro cometido por unha empresa que traballaba para o Catastro "só é preciso un acta de notoriedade" previo acordo da Asociación de Veciños San Bartolomé de Xesta para proceder á inmatriculación do Casino dos Prados.
Así mesmo, Jorge Canda lamenta a situación de "incomodidade" e o "alarmismo" creado "artificialmente" aos veciños de Xesta e reiterou a colaboración do Concello e os seus técnicos para completar o proceso de inscrición no Rexistro do Casino dos Prados a nome dos veciños, os auténticos propietarios do inmoble.
Finalmente, o alcalde da Lama, fixo un "chamamento á calma" e lamentou profundamente "que un individuo" como Enrique Vaqueiro "estea sempre soliviantando a tranquilidade dun pobo, como o de Xesta, buscando crear un clima de crispación e enfrontamento que dilapida a tradicional convivencia veciñal, provocando continuas situacións absurdas".
Canda expresa o seu rexeitamento á "caza de bruxas" iniciada por Vaqueiro "para determinar quen foi o responsable cando sabe que se debeu a un erro dunha empresa e punto".