Pontevedra ten seguro de sol
Por Redacción
Este luns afiánzase a influencia anticiclónica sobre Galicia. Deste xeito, agárdanse bancos de néboa matinais en zonas de interior e algúns intervalos de nubes baixas a primeiras horas, que darán paso a ceos despexados.
As temperaturas máximas experimentarán lixeiros ascensos nas Rías Baixas. Os ventos soprarán do nordés, frouxos no interior, moderados na costa.
Cara o martes, as altas presións localizadas en Azores continuarán entrando en forma de cuña sobre Galicia achegando estabilidade atmosférica.
A novidade é que a medida que avance a tarde veremos néboas que comezarán a entrar polas Rías Baixas. As temperaturas ascenderán, agás nas Rías Baixas onde por mor da entrada de néboas pola tarde poderían descender.
Para o mércores, Galicia continuará na influencia anticiclónica, coas altas presións preto da Comunidade, ao noroeste de Fisterra. Deste xeito teremos ceos parcialmente anubrados nas primeiras horas, con néboas no interior, pero tanto as nubes como as néboas irán desaparecendo a medida que avance a mañá e os ceos quedarán pouco anubrados ou despexados pola tarde.
Igualmente, a xornada do xoves virá marcada por unha situación aínda predominantemente anticiclónica, de xeito que deberíamos gozar dun día de sol e temperaturas propias desta época do ano, con máximas superando os 25ºC. Sen embargo entre venres e sábado Galicia podería quedar nunha situación intermedia entre altas e baixas presións con ceos parcialmente anubrados, descenso de temperatura e mesmo probabilidade de chuvia no litoral. A partir do domingo as altas presións deberían recuperar a súa influencia en Galicia.