O Colexio de Médicos pide explicacións a Facenda sobre os novos criterios de fiscalidade aplicados á formación
Por Redacción
O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra quere explicacións do Ministerio de Facenda sobre os criterios de fiscalidade que se pretenden aplicar ás transferencias de valor destinadas a actividades de formación dos profesionais deste sector. Para iso, solicitan á Organización Médica Colexial (OMC) que pida eses argumentos do Goberno.
A criterio do colexio pontevedrés, a aplicación de criterios impositivos de fiscalidade a estas achegas supoñerá que os profesionais deberán asumir parte dos gastos xerados cando acudan a congresos científicos ou reunións monográficas de actualización da súa especialidade, algo que pode ser inasumible para moitos deles dadas as baixas remuneracións que perciben.
O Pleno da Xunta Directiva do Colexio de Médicos acordou na súa última reunión dirixir un escrito á Organización Médica Colexial, para aclarar os criterios de fiscalidade por mor das últimas informacións aparecidas en prensa. En opinión dos colexiados pontevedreses, é necesario que o Ministerio de Facenda entenda que as transferencias de valor realizadas aos profesionais médicos con fins formativos non deben supoñer carga impositiva algunha para os preceptores, xa que pola súa propia natureza non constitúen un lucro directo.
Respecto diso, explican que a formación e actualización dos coñecementos científicos dos profesionais médicos supón un valor engadido do que se benefician a sociedade e os pacientes e que o financiamento destas actividades non está contemplada presupuestariamente, na gran maioría dos casos, dentro do Sistema Nacional de Saúde.
Relacionadas:
-
O Colexio de Médicos de Pontevedra pide unha reconsideración da política de traslados ao novo Hospital de Vigo
Por Redacción |
-
Médicos e farmacéuticos de Pontevedra enfrontados pola vacinación antigripal
Por Redacción |
-
Os médicos de Pontevedra instan a "buscar unha rápida solución" os pacientes con hepatite C crónica
Por Redacción |