Aparece a muralla medieval e os restos dun peirao do seculo XIX na antiga parcela do Teucro
Por Alejandro Espiño
Unha parte da historia de Pontevedra volveu saír á superficie. As escavacións que se están a facer para construír un tanatorio na antiga parcela do Teucro, en Arcebispo Malvar, permitiron o achado da muralla medieval da cidade, unhas estruturas vinculadas a esta muralla e tamén un espigón portuario que podería datar do século XIX.
Segundo o informe do arqueólogo municipal, na parte central da parcela, discorrendo de leste a oeste, quedou á vista un peirao do século XIX, con boa factura e estado de conservación xeral. Da muralla atopouse un largo treito, de case 35 metros, que tamén se conserva en bo estado.
Na súa opinión, entende que o seu interese e valor histórico debe considerarse dende unha perspectiva local. Dende este punto de vista "o peirao si é significativo na historia da cidade, unha cidade que naceu precisamente grazas á súa estratéxica localización xeográfica, nunha encrucillada de vías de comunicación marítimas e terrestres".
Lembra o arqueólogo que o peirao forma parte dun conxunto de estruturas de grande interese histórico, "que non só deben ser conservadas senón tamén deberían ser aproveitadas dende o punto de vista socio-cultural e tamén turístico".
Esta consideración increméntase notablemente, apunta no seu informe, se se ten en conta a localización do conxunto arqueolóxico da Ponte de Burgo, na praza de Valentín García Escudero, a menos de 50 metros.
Aínda que recoñece que os achados localizados están fóra do ámbito do Peprica, si están ao seu carón, "por tanto parece razoable evocar o espírito desta norma" que no seu artigo 10 promove a conservación in situ dos restos de obra civil de carácter histórico e compatible coas edificacións proxectadas.
Este informe foi remitido a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, última responsable na decisión a tomar ao respecto dos achados da citada parcela.
Relacionadas:
-
Amosan a alumnos de Restauración os restos achados na escavación de Arcebispo Malvar
Por Redacción |
-
Entregan ao Museo os primeiros restos da escavación de Arcebispo Malvar
Por Redacción |
-
O Tanatorio das Correntes inicia a segunda fase da escavación arqueolóxica no soar de Arcebispo Malvar
Por Redacción |
-
A aparición dun tramo da muralla medieval non afectará á construción do tanatorio de Arcebispo Malvar
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |