Sol, abanicos e xente guapa na entrega de Reais Despachos
Por Oskar Viéitez
Baixo un sol de xustiza, o ministro de Defensa en funcións, Pedro Morenés, presidiu o acto solemne de entrega de reais despachos aos 88 novos oficiais da Armada e a xura de bandeira dos alumnos de primeiro curso na Escola Naval Militar de Marín.
Tras ser recibido polo almirante xefe de Estado Maior da Armada, Jaime Muñoz-Delgado, e o comandante director da Escola Naval Militar, José María Núñez, Morenés recibiu honras de ordenanza e pasou revista ao Batallón de Alumnos.
Antes da xura de bandeira e da entrega de reais despachos, realizouse a homenaxe aos que deron a súa vida por España, no que o bispo castrense rezou unha oración apelando ao "Dios de los Ejércitos" e a "Nuestra Señora la Virgen del Carmen".
Compartindo o protagonismo do acto militar estaban as familias, amigos e parellas dos 64 alumnos aspirantes de primeiro curso do Corpo Xeral e de Infantería de Mariña, cunha única muller entre eles, que xuraron "fidelidad a la bandera" mentres eran vitoreados desde a bancada.
Seguiu a imposición de condecoracións e a entrega de despachos a 59 alféreces de navío do Corpo Xeral da Armada, nove tenentes de Infantería de Mariña, oito alféreces de navío do Corpo de Enxeñeiros da Armada, catro alféreces de fragata da Escala Técnica do Corpo de Enxeñeiros da Armada e seis oficiais de complemento pertencentes ao Corpo Xeral, Infantería de Mariña, Enxeñeiros e Intendencia.
O capitán de navío José María Núñez Torrente, que tomou posesión como comandante-director da Escola Naval Militar en xullo do pasado ano, dirixiuse aos novos oficiais nunha "última lección del curso" para definir as calidades dun "buen oficial".
A cerimonia concluíu co himno da Armada e o tradicional desfile do batallón de alumnos, contemplado desde o palco de honra por Alberto Núñez Feijóo e, entre outras autoridades civís e militares, a ministra de Fomento en funcións, Ana Pastor; o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva; a alcaldesa de Marín, María Ramallo; e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.
Durante este curso académico, un total de 484 alumnos cursaron estudos na Escola Naval Militar de Marín, dos cales cinco foron de orixe tailandesa, seis estadounidenses e dous franceses. Dende a implantación do novo modelo de ensino, contémplase unha formación militar xeneral e a correspondente ao título universitario de Enxeñería Mecánica.