Un concerto de Cadena Dial abre o día 20 a programación estival de Portonovo
Por Redacción
O mércores 20 de xullo Portonovo estreará unha programación específica e complementaria da deseñada polas concellerías de Cultura e Festas para o resto do municipio para este verán. Será cun concerto de Cadena Dial que traerá á localidade a artistas como Critika e Saik, DMEI, Eva Ruiz, Maverick, Lerica, Naela e Xriz.
O concerto, aberto e totalmente gratuíto, está previsto para a zona de Baltar, aínda que a Concellería de Cultura mantén abertas as conversacións con Portos de Galicia á espera da autorización pertinente para que se poida realizar na zona portuaria.
O Concello conta co beneplácito da Confraría de Pescadores, pero está pendente da firma dun informe técnico.
Este concerto, o primeiro da xira que Cadena Dial realizará por todo o territorio estatal, leva a Portonovo ás grandes promesas do panorama musical español. DMEI é un dos grupos con máis arrastre xuvenil na actualidade, en 2015 entran a formar parte da familia Warner Music e o seu segundo álbum foi producido e gravado en Miami polo colombiano Daniel Betancourt, mesturado por Boris Milan e masterizado por Tom Coyne.
Lérica, un trío formado por Tony Mateo, Juan Carlos Aranzo e Rubén Noel, cultivou un importante éxito co seu primeiro disco, Cien mil motivos. A canaria Eva Ruiz está a facerse un oco en mundo da música co seu primeiro disco, Que has hecho con mi vida. Maverick , finalista da última edición de La Voz, conta con gran número de seguidores sobre todo entre o público xuvenil.