Os pontevedreses fixeron preto de 4.000 doazóns de sangue no 2015
Por Redacción
Un total de 3.836 doazóns de sangue realizaron os pontevedreses durante o ano 2015, segundo desvelou este venres a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) no marco da campaña que está a desenvolver este verán nas sete grandes cidades.
Baixo o lema "Súmate. Doa sangue", a axencia busca o obxectivo de garantir as necesidades de compoñentes sanguíneos nos hospitais galegos, que precisan 10.000 doazóns de sangue cada mes para atender a todos os enfermos.
Para facilitar a participación dos veciños, as unidades móbiles realizarán preto de 180 desprazamentos aos barrios e centros de traballo das sete grandes cidades ata finais do mes de agosto. As persoas que desexen realizar este acto solidario tamén poden facelo nos locais de doazón que o persoal sanitario de ADOS atende nos hospitais.
Pontevedra, destacan desde a axencia, acadou a taxa de doazón de sangue recomendada pola OMS. Con todo, no pasado ano producíronse un 3,4% menos de doazóns que no 2014.
Así, o Centro de Transfusión vai a intensificar os esforzos informativos e as facilidades para doar sangue nas sete cidades, xa que en xeral desde 2004 ata o pasado ano 2015 baixou a participación dos seus veciños e veciñas nun 11,7%.
O pasado ano, desprazáronse as unidades móbiles de doazón de sangue a 71 barrios, 50 centros docentes non universitarios, 77 empresas e organismos públicos e 83 centros universitarios das sete grandes ciudades.