A Deputación reorienta o servizo de asesoramento empresarial cara á mellora competitiva
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra decidiu reorientar o traballo que viña desenvolvendo o Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0 xa que "non estaba a obter os resultados esperados".
Segundo explicou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o goberno provincial ha apostado por dotar a este servizo dos "recursos suficientes " e convertelo nun "proxecto rigoroso" denominado Smartpeme que permitirá "mellorar a competitividade do tecido empresarial da provincia".
Carmela Silva, acompañada do deputado delegado de innovación e promoción económica, Javier Dios, deron a coñecer este xoves os alcaldes e concelleiros da provincia de Pontevedra este proxecto Smartpeme, que ofrecerá asesoramento a pemes e autónomos dos 62 concellos de Pontevedra.
Nos seus primeiros pasos o Smartpeme, segundo Silva, está a arroxar resultados moi positivos xa que con esta nova reformulación "multiplicamos a nosa influencia no tecido empresarial", sumando 594 consultas de 444 empresas atendidas, das cales 271 son novas usuarias do servizo, e organizando 159 eventos de capacitación TIC coa presenza de 1.094 asistentes.
O novo modelo de servizo está orientado á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese como os emprendedores, as asociación empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
Para iso, nas oficinas de Smartpeme en Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo poñeranse en marcha itinerarios de talleres temáticos, con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas; eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio; colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais; especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia; kit de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores; identificación e difusión das necesidades nas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) aos provedores de solucións para as pemes e impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
O deputado provincial Javier Dios fixo balance da situación actual do sector das pemes e autónomos, que representa o 93,5% do tecido empresarial da provincia, con 73.500 empresas, e fixo fincapé na importancia de potenciar o desenvolvemento da provincia a través das TIC.