A Lama aproba un orzamento municipal de 1.445.671,30 euros
Por Redacción
O pleno da corporación municipal do Concello da Lama aprobou, cos votos favorables do PPdeG e a oposición do PSdeG-PSOE e Cidadáns, os orzamentos municipais para o presente exercicio que alcanzan a cifra de 1.445.671,30 euros.
A corporación aprobou tamén, con apoio do PPdeG e Cidadáns, a Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello, a primeira destas características que sae adiante e que contempla unha adecuación de categorías e salarios dos traballadores públicos que desempeñan as súas funcións no Concello.
Os orzamentos municipais contaron coa oposición de socialistas e o edil de Cidadáns ao considerar excesiva a partida relacionada cos gastos de persoal do Concello e criticaron a ampliación do salario destinado á persoa que substitúa ao secretario-interventor, Gonzalo Porto Becerra, que agora se xubila.
Jorge Canda sinalou que estes orzamentos municipais son "moi realistas e axeitados"
O alcalde, Jorge Canda Martínez, manifestou que o orzamento o único que recolle é a actualización salarial determinada pola Relación de Postos de Traballo (RPT) negociada cos sindicatos e que tamén foi aprobada nun punto posterior co apoio de PP e Cidadáns.
Jorge Canda sinalou que estes orzamentos municipais son "moi realistas e axeitados para dar resposta ás necesidades dos nosos veciños sin deixar de prestar ningún servizo e mantendo a estabilidade orzamentaria e a solvencia económica".