O Concello vixiará en oito puntos do rural os veciños que non pagan o recibo do lixo
Por Redacción
O Concello de Pontevedra contratará a unha empresa, a través dunha asistencia técnica, para que leve a cabo a comprobación dos veciños de oito parroquias pontevedresas que non paguen as taxas de lixo ou a conexión á rede de rede de sumidoiros.
A Xunta de Goberno deste luns 20 aprobou que se licite esta asistencia técnica para que leve a cabo esta intervención nas parroquias de Bora, Canicouva, Marcón, Ponte Sampaio, Santa María de Xeve, Santo Andrés de Xeve, Salcedo e Tomeza, onde non se fixera aínda este control. O portavoz do goberno local, Raimundo González, sinalou que hai veciños que están a recibir o servizo pero, con todo, non figuran no padrón correspondente e o Concello non lles pode pasar o recibo para que realicen o abono.
Raimundo González indicou que pode haber ao redor de 400 ou 500 casos de persoas que se atopen en situacións irregulares sen pagar a taxa de lixo. O Concello ten a opción de reclamar o cobro con efecto retroactivo ata dos útimos catro anos que non se pagaron. No caso daqueles veciños que se conectaron de maneira irregular á rede da rede de sumidoiros, o Concello abrirá un expediente sancionador.
A licitación realizarase por 28.166 euros e cunha duración de seis meses.
OUTRAS ADXUDICACIÓNS
A Xunta de Goberno tamén aprobou a adxudicación de Servizo de Vixianza Asistencial de Drogodependencias por máis de 34.000 euros durante un período de catro anos prorrogable por outros dous. Raimundo González lembrou que a Xunta de Galicia tería que asumir este servizo ao tratarse dunha competencia correspondente á administración autonómica e que ofrece asistencia para toda a comarca.
Tamén se licitou o aluguer dos escenarios para o Festival Internacional de Jazz e Blues como para as Festas da Peregrina por un importe de 32.500 euros. Trátase da primeira vez que se saca a licitación. Segundo o portavoz municipal realízase así porque se considera conveniente, por parte dos servizos técnicos, por cambios normativos.