Ponte Caldelas prepara un bufet internacional en la Fiesta Gastronómica de la Emigración de Galicia
Por Redacción
A Alameda de Ponte Caldelas arrecenderá a comida mexicana, arxentina, brasileira, alemá, francesa... e, por suposto, galega durante a I Festa Gastronómica da Emigración de Galicia, un evento novidoso que se vai celebrar durante a fin de semana dos próximos 9 e 10 de xullo.
O alcalde, Andrés Díaz, presentou o proxecto aos hostaleiros locais durante unha xuntanza celebrada esta semana no Concello. A idea consiste en ofrecer unha escolleita dos pratos máis representativos dos principais países da emigración galega ao público que se achegue ata a vila.
A comida latinoamericana será a protagonista, pero tamén haberá espazo para os sabores doutros países europeos que teñen sido destino habitual dos traballadores galegos.
O goberno local de Ponte Caldelas está empeñado en facer desta festa un éxito e por iso dá as máximas facilidades aos establecementos hostaleiros interesados en participar. O Concello vai instalar 12 casetas de 8x9 metros cadrados ao longo da Alameda. A caseta non terá custo algún, nin tampouco o subministro eléctrico ou a limpeza das mesas que van ocupar o centro do paseo arborado.
"Queremos unha festa que sexa unha icona de Ponte Caldelas", afirmou o rexedor local, "que naza para quedarse e por iso estamos a poñer moito da nosa parte para que aos empresarios que se animen a participar lles vaia non ben, senón moi ben".
O proxecto tan só obriga aos profesionais participantes a elaborar unha oferta gastronómica consistente nun prato e unha bebida a un prezo unitario de 5 euros. O máis importante é que se trate dunha elaboración gastronómica representativa dun país relacionado coa emigración.