Micro-concertos de música clásica para reducir o estrés hospitalario
Por Anxo Lourido
A partir deste mércores, as estancias nos centros de saúde e nos hospitais Montecelo e do Salnés contarán con sorpresas musicais. Unha vez ao mes, ofreceranse micro-concertos nestes espazos da man de profesores e estudantes do Conservatorio de Música Manuel Quiroga de Pontevedra destinados a pacientes, familiares de pacientes e de persoal sanitario no marco dun proxecto de terapia musical.
José Manuel González, xerente dos centros hospitalarios de Pontevedra e a directora do conservatorio, Paula Castro, apuntaron que se trata dunha proposta innovadora en Galicia e que se desenvolverán durante arredor de quince minutos, sen previo aviso, nas distintas áreas a partir do mes de setembro.
Con esta iniciativa búscase crear un ambiente de tranquilidade e de confianza tanto para os pacientes, para os que se ofrecerán algunhas sesións terapéuticas, como para os visitantes que asistan aos hospitais e centros de saúde coa idea de reducir a tensión.
Paula Castro apuntou que esta idea tamén permite aos músicos do conservatorio abrirse a novas contornas. O xerente sinalou que o coro do Hospital tamén está convidado a sumarse a estes concertos, por exemplo, en Nadal.
Este mércores ofreceuse o primeiro concerto a cargo dun cuarteto de profesores do conservatorio na entrada ao Hospital Provincial coa interpretación de música de estilo barroco, que foi seguida tanto por traballadores do centro como por persoas que esperaban a ser atendidos na consulta de Oftalmoloxía.