Bará afronta as novas eleccións demandando ás outras forzas políticas debates públicos "onde poidamos contrastar"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O concelleiro pontevedrés Luís Bará xa é formalmente número 1 do BNG-Nós Candidatura Galega ás próximas eleccións xerais do 26 de xuño. Como cabeza de cartel, e acompañado da candidata ao Senado, a triatleta Alba Cuba, este mércores avanzou as liñas mestras da campaña electoral, na que apelarán á emoción dos galegos, pero sen esquecer que non se repiten os comicios en igualdade de condicións que o 20 de decembro, senón que hai que ter moi en conta o que pasou no últimos cinco meses de lexislatura errada e ao "espectáculo pobre da política madrileña ao que asistimos".
Os nacionalistas realizarán unha campaña moi asentada no territorio, de "moito diálogo con moitos sectores", sen esquecer actos públicos masivos e, sobre todo, con debates. Asegura Bará que lles interesa moito "contrastar e debater" coas outras forzas políticas que concorren ás eleccións, por iso é polo que "demandamoslles ás outras forzas políticas debates públicos onde poidamos contrastar e onde poidan tamén explicar, se teñen algo que explicar, o que fixeron estes meses de lexislatura errada".
A campaña tamén apelará á emoción dos votantes, de tal modo que falarán de "orgullo, dignidade, compromiso, amor a esta terra". Dirixiranse, por unha banda, aos cidadáns con sentimentos nacionalistas e galeguistas que nos últimos meses botaron de menos ao BNG en Madrid, a "xente que sente a necesidade de que Galicia teña voz forte en Madrid" e, por outro, a quen está "desencantados, decepcionados e mesmo indignados" polo acontecido nos últimos meses.
Respecto diso, Bará lembra que "imos perder practicamente un ano porque prevaleceron intereses partidistas fronte aos da maioría social da xente" e está convencido de que os cidadáns están decepcionados coa esquerda "tanto coa vella como coa chamada nova esquerda". A todos eles pediranlles que aposten polo BNG "para estar na política estatal para defender intereses de Galicia".
Os nacionalistas queren recuperar a representación no Congreso dos Deputados "ser partícipes" do cambio que están convencidos de que desexa moita xente "defendendo posicións de esquerda e intereses de Galicia", pero no seu caso non queren tan só un cambio de goberno, senón un cambio de sistema político no que Galicia "ten que ser protagonista e non un figurante, non unha comparsa, un apéndice de forzas políticas españolas, que é ao que asistimos en meses pasados".
Apelando ao sentimento nacionalista máis puro, Bará asegura que o BNG non irá Madrid "a pedir esmola", senón que "nós queremos ir a Madrid para reclamar respecto para este país, nós imos a defender ou orgullo e a dignidade de ser galegos e a confianza que temos neste país". Quiieren aproveitar esta segunda oportunidade conscientes de que é "un reto difícil", pero posible e terán dous deputados que poden ser "determinantes para condicionar a formación do novo goberno e condicionar as novas políticas que faga ese goberno e dende logo que sexan políticas a favor da maioría social e a favor do noso país".
Para esta nova campaña, de todos os xeitos, lembra que o BNG non está en igualdade de condicións con outros partidos, pois "outras forzas teñen uns altofalantes a nivel do Estado que lle dan persencia en estudios e en plataformas de difusión". Fronte a esa falta de medios, reivindícase como "o equipo da casa, do país, da canteira, o equipo que se nutre de recursos propios" mentres "outros teñan as grandes fichaxes estrelas". Ademais, recuperan o seu nome, BNG, na candidatura fronte ao máis xenérico 'Nós' co que se presentaron en decembro.
Relacionadas:
-
Luis Bará, ratificado como candidato do BNG por Pontevedra para as eleccións galegas
Por Alejandro Espiño |
-
Bará, ante o 26-X: "Estes meses amosaron a ausencia de voces que defenderan Galiza en Madrid"
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño |
-
Luis Bará substituirá a Carme Adán como cabeza de lista do BNG en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |