Proxectan unha actuación singular para unir o centro de Bueu coa praia de Beluso
Por Redacción
O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, asegurou este martes que a Deputación estudará a viabilidade dunha actuación singular para mellorar os tránsitos peonís na estrada provincial que une o núcleo urbano de Bueu e a praia de Beluso. O responsable provincial fíxose eco así da petición do alcalde do concello do Morrazo, Félix Juncal, quen expuxo a posibilidade de realizar unha senda peonil bordeando a costa para garantir a seguranza viaria dos peóns que se trasladan a pé ata o areal.
Esta posible actuación foi debatida no encontro que mantiveron o deputado Benítez e o alcalde, no que tamén estiveron presentes a directora de Mobilidade da Deputación, Isabel Pardo de Vera; o deputado e concelleiro Xosé Leal e o concelleiro Fidel Castro.
A reunión abordou as peticións en materia de infraestruturas viarias solicitadas polo rexedor, e que se dividiron en tres bloques. A primeira das peticións centrouse na necesidade dun correcto mantemento das estradas provinciais no municipio, cuestión na que Benítez se comprometeu a traballar.
Por outra banda, Juncal expuxo a Benítez unha serie de demandas "históricas" realizadas dende o goberno de Bueu sistematicamente á deputación provincial. O rexedor puxo sobre a mesa a necesidade de rematar as obras da EP-1306 Portela-Ermelo, na que a pesares de facer obras hai dez anos aínda falta a última capa de aglomerado asfáltico e unha correcta sinalización horizontal. Así mesmo, en relación a esta mesma vía, tamén pediu a urbanización do treito que vai entre a PO-551 e a aldea de Meiro.
MÓVESE
Noutra orde de cousas, a reunión entre Benítez e os representantes do Concello de Bueu abordou tamén as solicitudes de calmado do tráfico realizadas ao abeiro do Plan MÓVESE, polas que se pretenden implantar pasos de peóns sobreelevados, redutores de velocidade e zonas 30. Bueu conta con dez estradas provinciais que suman case 24 quilómetros de lonxitude.